Traballada victoria ante a Pontenova

O primeiro equipo voltaba ó Suso Cruz con ansias de repetir a victoria de dúas semanas atrás ante o Abadín. Malia contar con baixas importantes, o cadro técnico atinou co sistema (4-1-4-1) onde Óscar, aínda xuvenil, tivo a oportunidade de demostrar a súa valía no centro do campo.

O encontro non podería empezar de peor xeito para os de José Carlos Fdez, que ó pouco tempo do pitido inicial, nun bo balón á espalda da nosa zaga, Pablo acabaría sendo derrubado dentro da área para, él mesmo, adiantar ós seus dende a pena máxima. (1-0, 6′)

Co gol en contra, o partido poríase costa arriba e voltarían asomar os pantasmas, mais os nosos souberon ter a paciencia suficiente para continuar xogando con tranquilidade e co paso dos minutos serían capaces de avanzar metros con balón e mellorar a presión alta complicando a saída en curto do Sporting Pontenova.

Pouco a pouco empezaron a chegar ás ocasións para o conxunto chairego. A primeira e máis clara sairía das botas de Óscar cun gran pase filtrado a Antón, cuxo centro estivo a piques de rematalo Alvariño dentro da área pequena.

Coa sensación de perigo, o Guiti aumentaría a intensidade e puido sacar varios saques de esquina. Nun deles, un gran remate de Ansede foi atallado polo gardameta visitante para finalmente acabar sendo desviado polo pau.

Pouco tempo despois, Alvariño gañaría un balón dividido na frontal para deixar atrás ó seu marcador cun gran control orientado. Non quedou máis remedio que derrubalo para impedir o remate, e o colexiado Luna Méndez sinalou o punto fatídico. Ansede sería o encargado de transformar dende os once metros para colocar as táboas no marcador. (1-1, 40′)

Antes do tempo de lecer o cadro chairego estaba a pasar polo seu mellor momento e Javi a punto estivo de darlle a volta ó electrónico cun bo chut dende fóra da área, mais Dani rexeitou a ocasión para acadar o descanso con empate.

Os nosos voltarían do vestiario con menos intensidade, e a Pontenova tivo un par de ocasións para poñerse por diante, mais Jesús mostrouse seguro e conseguiu pechar a súa porta durante todo o segundo tempo.

De novo, o paso dos minutos voltaría por acomodar ó Guiti, que comezou a xerar sensación de perigo e afastou a posesión visitante lonxe da zona de perigo.

A segunda metade transcurriu en maior medida na zona do mediocampo, onde os equipos loitaron por facerse coa iniciativa mais ambos se amosaron férreos e sen concesións.

Contaría cunha boa ocasión o equipo pontenovés cun libre indirecto tras unha cesión a falta de vinte minutos para o final, mais balón acabaría por estrelarse na barreira.

Pouco tempo despois, nunha falta lateral, un centro tenso de Javi e un mal despexe da defensa visitante acabaría por introducir o balón na portería rival para adiantar ós nosos. (2-1, 86′)

Puido asinar a sentenza Antón na seguinte xogada, mais non foi quen de aproveitar o extraordinario pase de Javi, polo que nos últimos cinco minutos de encontro non quedou máis remedio que sufrir defendendo con todos os folgos que quedaban e o alento da afección que axudou ó equipo para acadar un meritorio triunfo ante un dos galos da competición.