Reacción a medias ante o Roupar

Tra-la derrota en Xermade, o primeiro equipo voltaba ó Suso Cruz na tarde do sábado para desputar o encontro correspondente á oitava xornada de liga ante o Roupar.

O conxunto guitiricense saltou ó campo co obxectivo de controlar o encontro, mantendo a posesión e logrando enlazar algunha xogada colectiva, aínda que sen por en perigo a porta do Roupar.

Ó contrario, o cadro visitante, coas ideas moi claras, soubo aproveitar o balón parado para adiantarse no marcador transcorrida a media hora de encontro (0-1, Esteban).

Co resultado en contra e sen maiores ocasións, chegaría o tempo de lecer que serviría ós nosos para repasar aspectos tácticos para ingresar no segundo tempo con maior intensidade, feito que se fixo notar na actitude dos xogadores e no propio desenvolvemento do partido.

Ó pouco de empezar o segundo tempo, chegaron as primeiras ocasións dun Guitiriz coas ideas máis claras a partir de tres cuartos. Antón estrelaría un remate cruzado contra o pau e, no rexeite do mesmo, Labrada acabaría chutando por enriba do traveseiro.

Os nosos seguían a insistir coas verticales internadas dos carrís, Pablo e Novo. Das botas do último chegaría, despois dunha gran xogada individual, a asistencia a Javi, que definiu cun remate que acabaría batendo no traveseiro antes de entrar para poñer así o empate no marcador. (1-1, Javi)

Vista a inercia do encontro, o cadro técnico reforzou a parcela ofensiva (Alvariño por Miguel, 67′) o que axudou ó equipo a seguir creando perigo, aínda que sen conseguir ver porta.

A falta dun cuarto de hora chegaría outra boa ocasión para os nosos. De novo, Pablo, tras unha boa xogada pola banda dereita, conseguiu contactar con Antón no borde da área, para que este poidera chutar e traer a polémica ó Suso Cruz cun gol pantasma que finalmente non subiu ó electrónico.

Malia a mala fortuna, o cadro local non se rendiu e puido seguir xerando perigo ata o final do encontro. Jordi aportou aire fresco ó equipo cando máis o necesitaba (Jordi por César, 81′) e o Guiti tivo oportunidaes para materializar a remontada con ocasións a balón parado tras dous bos remates de Cabado, mais o gardarredes Víctor amosouse impermeable.

Tras noventa minutos baixo a choiva chegaría o pitido final do colexiado Carballido Vega, e con él a sensación de que se escaparon do Suso Cruz dous puntos importantes, o que servirá para traballar durante a semana co obxectivo de voltar cunha victoria a próxima xornada ante o Alfoz, que se sitúa na segunda plaza da clasificación tres puntos por enriba dos nosos