Punto e final á tempada 19/20

Fai uns días a FGF fixo pública a resolución na que se deu por rematada, polo menos no ámbito deportivo, a tempada 2019/2020.

A grandes rasgos quedan como definitivas as clasificacións tal e como estaban no momento do parón, ascenden os conxuntos que nese momento ocupaban as posicións de ascenso. Descenderán os que nesa data xa o tiveran feito de xeito matemático.

Unha tempada atípica, que nos deixa un sabor agridoce na forma de poñerlle fin pero que podemos a grandes rasgos dar por boa ao ter cumprido o obxectivo primordial do noso club.

Tamén aproveitamos para felicitar a todos os que competimos nesta difícil tempada e de xeito especial aos conxuntos que acadaron o ascenso de categoría.

Toca pechar a tempada e seguir traballando na vindeira, será difícil por todas as incertezas que nos presenta esta situación pero de seguro moi pronto poderemos voltar á “normalidade” e por suposto tamén gozar dos nosos deportes favoritos.

Non podemos esquecernos dos nosos socios, simpatizantes, institucións, empresas, hostalería e comercio en xeral do noso concello que seguen fomentando e facendo posible co seu apoio a práctica deportiva da nosa entidade. Tamén as que sen ter a súa sede aquí apostan por colaborar con nós.

Recoñecemento aos nosos adestradores e colaboradores pola súa labor e tamén pola súa implicación no proxecto. Por suposto tamén as familias que confiades no noso club para a práctica deportiva dos vosos fillos e fillas.

Para o final, non por menos importante, a máxima gratitude a cada un dos nosos xogadores. Son e serán sempre a alma e razón de ser da SD Guitiriz.

Agárdanos unha ilusionante tempada na que seguiremos medrando, tempada que nos traerá importantes novidades e que debemos afrontar dende o descoñecemento pero co maior dos ánimos, o esforzo merecerá a pena. 

Moito ánimo e forza a todos.