Igualada sen goles ante o Cospeito

Voltaba na tarde do domingo a 2ª Rexional ó Suso Cruz, para enfrontar ó primeiro equipo ante o Cospeito na vixésima xornada de liga.

O partido comezaría de xeito impreciso para ambos conxutos, que fallaron bastantes pases e ningún dos dous puido facerse co control do partido.

Malia a imprecisión dos primeiros intres, o paso dos minutos axudaría a ambas escadras a sentirse máis cómodas sobre o terreo de xogo e non tardarían en chegar as primeiras ocasións.

Jesús estivo impenetrable para manter a súa porta pechada, e a piques estivo Ansede de abrir o marcador despois dun bo centro de Antón, mais o remate saiu desviado.

Diego Alvariño foi capaz de xerar perigo na área contraria en varias ocasións aínda que o gol seguiría sen entrar.

Non obstante, o Cospeito puido tamén adiantarse no electrónico, mais a zaga local amousouse moi segura para impedi-lo.

A última ocasión do primeiro tempo sería dobre, a primeira sairía das botas de Labrada cun gran chut dende a frontal que acabaría batendo no traveseiro, o rexeite puido rematalo de novo Óscar pero o cabezazo acabou saíndo pola dereita da portería.

Tra-lo tempo de lecer a tónica do partido seguiría a ser semellante á da primeira metade, pero o transcorrer do encontro acabaría partindo ós dous equipos, polo que se xeraron máis espacios e voltaron as ocasións.

Tívoa de novo Ansede nun bo balón colgado por Pablo, pero o remate sairía por riba da portería.

A decisión técnica de executar o sobre troco axudaría ó equipo a reforzar o mediocampo introducindo pernas frescas. (Jordi por Óscar e Miguel por Antón, 60’)

Voltaría ser Alvariño quen dispoñera dunha nova ocasión de perigo tras unha longa xogada individual polo carreiro dereito, o golpeo non foi o suficientemente preciso para bater o gararredes visitante.

Preto do pitido final do colexiado Abdelouadoud Boutzakate chegaría a derradeira e máis clara ocasión de perigo a prol do cadro guitiricense, o balón caeríalle dentro da área a Labrada, que tras desfacerse ben do seu defensor, puido chutar con forza, mais o disparo sairía demasiado cruzado.

A peor noticia chegaría no tempo de desconto, onde Javi tería que ser sustituído debido as molestias na parte posterior do muslo dereito, que arrastraba do adestramento do venres. (Diego Castro por Javi, 90’)

Finalmente, as táboas repartirían un punto que saben a pouco para dous equipos pouco acertados de cara a porta. Na vindeira fin de semana, o Guiti viaxará a Goiriz para desputar a vixésima primeira xornada de liga.