Demasiados atrancos en Xermade

O primeiro equipo viaxaba a Xermade coa tenta de prolongar a racha de triunfos, a sabendas de que o derbi chairego nunca é un partido doado.

O tramo inicial do encontro amosou o respeto que se teñen ámbolos dous conxuntos; cun xogo bastante directo e sen ocasións claras para ningún dos equipos.

A primeira oportunidade de adiantar ós seus no marcador tivoa Antón, pasado un cuarto de hora do encontro e tras aproveitar un mal rexeite da zaga xermadesa, o dianteiro guitiricense foi quen de chutar coa esquerda, mais a boa intervención de Juan mantería o empate.

Ós poucos minutos, unha falta dende a frontal da área poñería por diante ós locais cun potente golpeo de Borja, que, despois de bater na barreira, o balón acabaría entrando na porta de Jesús. (1-0, 28′).

Non tardou en reaccionar o Guitiriz; na seguinte xogada, Labrada recibiu o esférico dentro da área, e tras desfacerse dun defensa puido definir ó segundo pau para devolver a igualdade ó electrónico. (1-1, 29′).

Cando parecía que os nosos podían aproveitar a inercia favorable, nun contragolpe pola banda esquerda, Nahum acabaría por darlle a vantaxe ó Xermade (2-1, 34′).

O segundo gol caeu coma unha xarra de auga fría no cadro visitante, que, sumado á expulsión de Ansede antes de finalizar o primeiro tempo, poñía o encontro moi costa arriba para o cadro de José Carlos Fernández.

O tempo de lecer valeu para recompoñer o sistema, coa entrada de Alvariño (Alvariño por Miguel, 45′), Javi retrasou a súa posición para reconfigurarse nun 5-3-1.

A presenza de carrís axudou ó equipo a ensanchar o campo, e con maior profundidade, os nosos puxeron contra as cordas ó Xermade que, a pesar da superioridade numérica, non puido evitar conceder ata tres córners nos primeiros dez minutos do segundo tempo.

O cansancio empezaría a facer mella nos xogadores guitiricenses, e o cadro técnico decidiu introducir pernas frescas na tenta de igualar o marcador (Jose por Antón, 61′), nada máis lonxe da realidade, na primeira xogada despois do troco, chegaría a sentencia dos locais. Pedro aumentaría a diferenza no marcador. (3-1, 62′)

Tra-lo terceiro gol, o partido romperíase e chegaría o cuarto, por parte de Pedro, que selaría o triunfo dos locais co 4 a 1 co que chegaría o pitido final dun encontro difícil para os nosos, a partir do cal traballarán durante a semana para correxir os erros cometidos e poder voltar á senda da victoria o próximo sábado no Suso Cruz ante o Roupar.