As semifinais de copa agardan ao Primeiro Equipo

SD Guitiriz vs Abadín. Cuartos final de copa

A Copa Deputación voltaba ó Suso Cruz na primaveral tarde do domingo para enfrontar ó primeiro equipo ante o Abadín na pugna por un oco nas semifinais xunto ó San Lázaro e os filiais do Viveiro e Lemos.

Ámbolos dous cadros foron imprecisos durante os primeiros intres, mais o Guitiriz conseguiu adiantarse cedo cun bo remate de cabeza de Javi nun balón colgado a área. (1-0, 11’)

Co gol a prol, os nosos puideron controlar o xogo con maior tranquilidade e, malia non xerar demasiado dano, non concederon ningunha ocasión de perigo, polo que o primeiro tempo resultou cómodo a pesar da mínima vantaxe no marcador.

O tempo de lecer serviría ó equipo para coller os folgos necesarios para aumentar a diferenza, e o cadro técnico non dubidou en facer o primeiro toco ó pouco de arrancar a segunda metade para tentar abrir máis o campo. (Antón por Miguel, 55’)

O recén incorporado ó terreo de xogo tería a ocasión para asinar o dous a cero despois dunha gran xogada de Pablo, Alvariño deixouna pasar, mais o disparo de Antón saiu desviado por enriba do traveseiro.

Non tardaría en caer o ansiado gol, minutos máis tarde da última ocasión, un gran desplazamento dende o mediocampo de Ansede acabaría sorprendendo ó gardameta visitante para duplicar a vantaxe. (2-0, 59’)

Co segundo tanto a favor, Jose Carlos Fdez decidiu trocar de novo (Jordi por Pablo, 77’) o que deu maior frescura ó xogo dos nosos.

O paso dos minutos iría mermando físicamente ó Abadín e o Guiti puido poñer a sentenza en repetidas ocasións.

Javi puido festexar o doblete pero Jonatan estivo áxil para desviar o seu chut a córner.

Tívoa tamén Jordi na área pequena tras unha boa xogada de Antón pola banda, mais a definición foi imprecisa.

O último cuarto de hora poñeríase aínda máis costa arriba para os visitantes coa expulsión de Ramiro e as pernas frescas de Óscar, Diego Castro e Cendán que aportaron a enerxía suficiente para ir a polo terceiro.

Unha magnífica parede entre Labrada e Óscar serviu para rachar a liña defensiva e, malia Labrada non atopar o gol, o rexeite foi quen de empurralo Jordi para converte o tres a cero co que chegaría o pitido final do colexiado Carballido Vega. (3-0, 90’)

A vindeira rolda da copa desputarase ó rematar a liga, a domicilio ante o Viveiro “B” na pelexa por acadar a desexada final. Mais agora toca centrarse na competición regular, onde o Suso Cruz xa agarda ó Cospeito para desputar a vixésima xornada de liga.

Demasiadas concesións en Lourenzá

Lourenzá vs SD Guitiriz. Xuvenil

O resultado final en Lourenzá do Xuvenil non mostra un reflexo do encontro disputado polo noso conxunto, polo menos non de gran parte do mesmo no que competiu ben e mostrou continuidade na melloría que viña mostrando nas últimas xornadas. Os locais mostráronse combinativos e cun xogo ofensivo pero remataron gañando con comidade polas concesións dadas.

O balón parado decidiu en Meira

Meira vs SD Guitiriz. Primeiro Equipo

O conxunto guitiricense viaxaba na tarde do domingo a un dos campos máis difíciles da categoría, A Lomba, para desputar a décimo novena xornada de liga ante o Meira.

O cadro de José Carlos Fernández chegaba coas boas sensacións do anterior partido ante o Sporting Pontenova e, aínda que a intensidade dos xogadores non foi reprochable, as circunstancias do encontro e a efectividade do cadro local remataron por arrebatar os tres puntos ós nosos.

Nos primeiros intres, ambos equipos amosáronse replegados, tentando buscar o xogo directo, mais as defensas estiveron impecables.

A primeira boa ocasión sería para os nosos; un bo chut de Javi dende a frontal que o gardarredes meirense non foi quen de chapar e o rexeite a piques estivo de aproveitalo Jordi.

Replicaría ó pouco tempo Marcos, cun fortísimo disparo dende ben lonxe que o traveseiro acabaría repelendo para manter o cero a cero no marcador.

Transcorrida a primeira media hora, Rubén, cun perfecto golpeo de libre directo, adiantaba ós seus asinando o que sería o único gol do encontro. (1-0, 30’)

E a falta de poucos minutos para o descanso, puido empatar o Guiti, mais o perfecto centro de Javi nunha falta lateral non atopou rematador e o balón acabaría saíndo por liña de fondo para acadar con desvantaxe o tempo de lecer.

Os mellores intres do cadro visitante ocorreron ó pouco de empezar a segunda parte. A piques estivo Antón de asinar as táboas cun chut lixeiramente cruzado tras unha boa xogada con Iván Labrada.

Pasada a hora de xogo, o corpo técnico decidiu introducir un doble troco (César por Jordi, 63’ e Miguel por Antón, 63’) na tenta de chegar con máis perigo á área rival, mais a tónica seguiría a ser constante ata os intres finais, onde os nosos se acabaron volcando e incluso César chegou a estrelar un remate ó traveseiro.

Finalmente, coa derrota pola mínima chegaría o pitido do colexiado Folgueira Ríos para poñer fin a un encontro moi físico guiado polo forte vento que dificultou o control do xogo durante o transcurso dos noventa minutos.

Na vindeira fin de semana non se desputará ningún encontro ligueiro debido ó parón do Entroido, mais o fútbol non acouga no Suso Cruz coa volta da Copa Deputación, que enfrontará ó primeiro equipo ante o Abadín, a partido único, na loita polo pase ás semifinais.

Os tres puntos viaxaron a Viveiro

SD Guitiriz vs SD Viveiro. Xuvenil

O Xuvenil distou de mostrar a súa mellor versión, e aínda que o resultado do choque puido acabar sendo favorable non foi quen de dominar un econtro que se acabou convertindo nunha mostra de efectividade do Viveiro. O conxunto mariñán colocouse cun 0-3 no marcador e rematou sufrindo para conservar os 3 puntos. Yani e Dani foron os goleadores.