A SD Guitiriz toma Cospeito

Cospeito vs SD Guitiriz

Daba comezo a quinta xornada de liga para o primeiro equipo no campo de fútbol A Fonte de Cospeito, para a cal, o cadro técnico, decidiu cambiar o sistema empregado ata o momento en todos os partidos (5-3-2), e xogar cun 4-1-4-1; feito que resultou efectivo, posto que o equipo entrou moi centrado e levaría o control do xogo durante prácticamente todo o encontro.

Non tardaría en chegar a primeira ocasión clara para o conxunto guitiricense, nun gran golpeo de Javi dende fora da área, o pau evitaría o primeiro gol do encontro. Non sería a única ocasión de perigo para os visitantes; Jose non chegou a rematar un rexeite do gardameta local que puido supoñer tamén o gol, Antón tentariao cun golpeo dende fora da área que saiu por riba do traveseiro, e de novo Javi a balón parado probou sorte polo lado do porteiro pero o chut sairía desviado.

A pesar do dominio no xogo por parte do Guiti ó longo da primeira parte, o Cospeito tivo a oportunidade para mover o marcador ó contragolpe, mais finalmente chegaría o tempo de lecer sen goles para ningún dos dous equipos.

Á volta do descanso, o cadro técnico decidiu incorporar a Novo (Novo por Jordi, 45′), que imprimiu máis velocidade pola banda dereita para chegar con máis facilidade á área rival. E así foi, pois tan só pasados dez minutos do segundo tempo chegaría o primeiro gol do encontro, César foi quen de empurrar ó fondo da rede un balón que non puido rexeitar a zaga cospeitense. (0-1, 55′)

O partido seguiría a transcurrir co control da posesión para o Guitiriz, aínda que sen xerar ocasións de perigo, mais tampouco concedéndoas. Cabado e Pablo entrarían para darlle aire ó equipo (Pablo por Alvariño, 55′ e Cabado por Jose, 74′) e poder sentenciar o partido.

Mais non foi ata os últimos intres do encontro cando os nosos puideron asinar a sentencia; primeiramente, Diego Castro, recén ingresado no terreo de xogo, (Diego Castro por Antón, 87′) puido aumentar a diferenza no marcador tras unha gran xogada persoal, pero o remate ca perna esquerda sairía demasiado cruzado.

Pouco tempo despois, nun córner a prol, Javi atoparía a Ansede, que remataría no segundo pau para poñer o cero a dous definitivo (0-2, 89′).

Finalmente, chegaría o pitido final con malas noticias para o cadro de Jose Carlos Fernández, na última xogada do encontro, Suso, na tenta de facerse cun balón dividido, caería ó chan cun mal apoio que supuxo unha lesión no hombro dereito que o terá afastado da actividade deportiva durante un tempo.

Malia a mala fortuna do último acontecemento, os nosos puideron voltar cos tres puntos para Guitiriz, situándose con dez na táboa xeral, empatados co Xermade e tan só a tres do líder, o San Ciprián, á espera do próximo encontro ante o Goiriz no Suso Cruz a fin de semana que ven.

Remontada de mérito ante a SD Viveiro

SD Guitiriz infantil vs SD Viveiro

Partido moi completo no que competimos ao máximo das nosas capacidades. O equipo está en clara progresión.

Ramón (Adestrador)

Encontro moi desputado no que o Viveiro impuxo o seu papel de favorito e tivo o control do esférico. O conxunto infantil da SD Guitiriz centrouse en seguir o seu plantexamento coas liñas xuntas e atacando con velocidade. Os de Ramón levaron máis perigo ao longo do encontro e souberon agardar aos minutos finais para remontar o gol inicial do Viveiro.

O Burela decide na segunda metade

Burela vs SD Guitiriz

Bo traballo, o paso dos minutos fixeron mella pola escasez de efectivos

Jose (Adestrador)

Encontro con dúas partes moi diferentes. Na primeira o Burela tentou levar a iniciativa pero en ataque posicional non atopou como facer dano. As súas opcións máis perigosas en rápidas transicións. Os locais puxéronse 2-0 e aí soubo reaccionar o noso equipo e estirouse máis en ataque. Fruto delo 2-2, o primeiro tanto tras unha boa presión, o segundo de Óscar a balón parado tras rematar un saque dende o curruncho de Martiño.
Na segunda fíxose longo o encontro para o conxunto xuvenil ao non contar con sustitucións. Vizo con molestias físicas non puido rematar o encontro. Claras opcións do Burela e 4 goles consecutivos a pesar de que o conxunto xuvenil non perdeu en ningún momento a cara aó encontro.

O Suso Cruz xa decide

SD Guitiriz vs Meira

O primeiro equipo voltou ó Suso Cruz na tarde do sábado para desputar o cuarto encontro de liga ante o Meira, mais non foi quen de dominar nos primeiros intres do xogo que foron desencadenando unha primeira parte cun ritmo lento e sen sensación de que poidera caer o primeiro gol para ningún dos dous equipos.

Sen embargo, foi Alejandro quen abriría a lata para os visitantes, despois dunha xogada fortuita dentro da área de Jesús, o atacante meirense puido rematar con forza polo ángulo esquerdo para mandar o balón ó fondo das redes e poñerse por diante no marcador pouco antes de que o colexiado Cordero Fernández pitase o tempo de lecer. (0-1, 36′)

Finalmente, o descanso chegaría con susto para os locais, a posible lesión de Jesús na última xogada do primeiro tempo volveriase un quebradeiro de cabeza para o cadro técnico, que decidiu alinealo de novo para a segunda metade, mais puido recuperarse e ser unha peza importante para a remontada do Guiti.

No segundo tempo, o cadro guitiricense foi quen de recompoñerse; ca entrada de Alvariño (Alvariño por Miguel, 45′), Javi retrasou a súa posición e o equipo puido empezar a crear ocasións de perigo.

Pouco tempo necesitaría o Guiti para empatar o encontro; en un alarde de veteranía, Tanke sacou rápido nunha falta en medio campo, filtrando un gran balón que partiu á línea defensiva rival e atopou a Pablo, que con gran habilidade desfíxose do gardameta visitante para empurrar o balón ó fondo da portería. (1-1, 53′)

O empate deu ás ó Guitiriz, que a partir de entón controlaría o ritmo do partido, e tería varias ocasións nas botas de Diego Alvariño e Javi para poñerse por diante no marcador, mais non foi ata o minuto 79 cando o cadro local puido darlle a volta ó encontro, nunha xogada ensaiada a balón parado Javi atoupou a Antón, que puido rematar pola escuadra do primeiro pau e conseguir así o gol da remontada. (2-1, 79′)

Ó Meira non lle quedou outra que botarse arriba para tentar o empate nos últimos intres do encontro, o que levou a que nun gran contragolpe, Alvariño puidera desfacerse de dous defensores e atopar de novo a Antón na frontal da área, que definiu cun golpeo cruzado raso para poñer a sentencia a prol dos nosos. (3-1, 85′)

Malia o resultado favorable ó Guitiriz, a piques de rematar o partido, un malentendido na zaga local xogou unha mala pasada para Ansede e Jesús, nun intento de depexe do primeiro, o balón acabaría entrando na portería para darlle emoción ós minutos finais. (3-2, 88′)

Pese á mala fortuna, os nosos souperon controlar os últimos intres do encontro para que chegara o pitido final e con el a segunda victoria consecutiva en liga, que xa coloca ó primeiro equipo na cuarta posición da táboa antes de enfrentarse ó Cospeito a próxima fin de semana.

Sabor agridoce na Magdalena

RC Vilalbés vs SD Guitiriz Infantil

Estivemos ben pero non fomos capaces de pechar o encontro e o Vilalbés reaccionou a tempo

Ramón (Adestrador)

O conxunto infantil levou o control do choque e mostrouse superior durante todo o encontro, pero non foron quen de materializalo con máis claridade e os locais aproveitaron dous erros no tramo final con gran efectividade. Nos últimos minutos o equipo volcouse na busca de desnivelar o encontro e dispuxo accións claras de gol pero non conseguiu atinar coa portería local.

Dúas caras no debut do xuvenil ante o Lourenzá

SD Guitiriz vs Lourenzá

A segunda metade mostrounos o camiño a seguir

Jose (Adestrador)

Primeira metade cun tramo inicial de escaso ritmo onde o Lourenzá levou a iniciativa e tivo un par de boas opcións. Co paso dos minutos a presenza dos visitantes era menor. Pero varias concesións defensivas puxeron por diante ao Lourenzá. Despois os peores momentos dos nosos onde o Lourenzá se puxo 0-3 e incluso errou un penalti.
Na segunda moito mellor a SD Guitiriz que tivo dúas claras opcións de gol nos primeiros minutos. Sería de todas formas o Lourenzá o que marcara tras un córner.
Non acusaron o tanto os locais que buscaron insistentemente o gol. Atopárono nunha ocasión, obra de Martiño, e dispuxeron de claras opcións para meterse no encontro, incluso un penalti. O Lourenzá perdeu o sitio no encontro e sufriu na segunda metade, as súas opcións foron en varias contras cos locais envorcados en ataque.
Derrota final por 1-4, nun encontro no que pesou moito a cómoda diferenza coa que os visitantes chegaron ao tempo de lecer.